INSPIRACIÓN SACRA

A marca Sacrapastas nace para manter viva a tradición centenaria das “Galletas de Xián”, auténticas embaixadoras doces do noso territorio: a Ribeira Sacra.

 

Absolutamente impregnadas da beleza desta terra máxica, inspíranse na súa arte románica, da que nacen os gravados plasmados en cada galleta; e nos seus seres mitolóxicos, as Xacias, figura protagonista da nosa marca, coa que rendemos homenaxe ás nosas avoas, ás mulleres do rural e ás familias que souberon namorar a todo un pobo coas súas galletas.

RECEITA

 

Un bocado de excelencia con fariña sen aditivos, ovos campeiros de km0, manteiga galega, azucre, raspa de limón e o seu característico acabado redondo, plano e crocante.

HISTORIA

No norte da Ribeira Sacra, á parroquia de Xián, en Taboada, chegou hai moitísimos anos un aparello alcumado o Ferro, que empregaban para cocer estes doces sobre o lume da lareira. O Ferro e a receita ían pasando dunhas casas ás outras da parroquia, para festexar sempre con galletas, os días máis importantes. Así é como se foi creando a tradición, que avanzou un paso máis, cando tres familias de Xián,  xa de volta da emigración de Suíza, e cunha máquina un pouco máis avanzada, decidiron xuntarse para facer galletas e vendíanas nos mercados e tamén na nosa panadería.

Cando estas pioneiras decidiron retirarse, cedéronlle a receita a miña nai. Elia pasou tardes enteiras facendo as “Galletas de Xián”, ata que creamos unha máquina con maior capacidade produtiva que nos dá 24 galletas de cada vez. Aínda así, todo o proceso de elaboración mantén un acentuado carácter artesanal, xa que, unha a unha, cada galleta ten que ser tratada coa delicadeza que a caracteriza.